martes, 31 de octubre de 2017

DÍA DE DEFUNTOS E SANTOS

Como é posible que podendo elixir a luz, a verdade, a vida, a transparencia, a fidelidade... cada vez elixamos máis a noite, a trampa, a morte, o disfraz, a mentira pasaxeira...?
Para os cristiáns, celebrar os Santos é celebrar a vida, é recordar que hai seres humanos que xa gozan desa luz e esa verdade que só Deus pode dar. É unha festa de luz, de esperanza, de ánimo. É dicirnos a todos que estamos chamados a ser "a mellor versión posible de nós mesmos"... ou sexa, santos. Aínda que só cheguemos a ser "santos en zapatillas de andar por casa" (isto é, o mellor persoas que poidamos ser, cada día, na nosa casa, no noso traballo, nas nosas tarefas, nas nosas diversións... ) Do outro lado, mesturouse a tradición de halloween. E ultimamente, aquí en Galicia, a de Samaín (que si que é anterior á tradición cristiá). E unhas cabazas, doce, disfraces e cairos postizos gañáronnos a aposta. Predomina o medo dos mortos, a trampa, o disfraz, a mentira, o desagradable dun suposto mundo intermedio... En definitiva, todo o contrario do que é é o día dos Santos: unha festa que ensalza a vida e non a morte. E é por iso que está a Igrexa alertándonos aos cristiáns do trasfondo anticristián da Festa de Halloween, por tratarse dunha festa que estimula a morte e non a vida. 
Pero non creo que haxa que levantar unha nova cruzada contra algo tan superficial como o Halloween ou o Samaín. Todo na súa xusta medida. Son tradicións pagás das que podemos sacar o proveito da diversión, a risa, a troula...  nun mundo ás veces demasiado duro e complicado, escaso de sorrisos. 
Si creo que, como adultos, debemos facer todo o posible por recuperar entre nós o desexo de querer ser santos, de saber que estamos chamados a algo grande. Tan grande como chegar a ser o mellor de nós mesmos: chegar a ser como Deus nos soña. Chegar a sermos capaces, coas nosas accións e a nosa vida exemplar, de ser quen de construír o Reino. Se non o facemos, botamos a culpa a nenos, mozos e adultos disfrazados. Preguntemos máis ben ao noso corazón se estamos intentando ser santos cada día, "santos en zapatillas de andar por casa". 
«O que vos chamou é santo, sede tamén vós santos en toda a vosa conduta; porque así está escrito: Seredes santos, porque eu son santo» (1 P 1, 15-16)

No hay comentarios:

Publicar un comentario