miércoles, 8 de enero de 2014

A VIDA É BELA... UN ANO MÁIS!!!


A canción La vida é bela de Riccardo Perotti e Francisco Terán, un tema moi apropiado para estes tempos que corren, abundantes en dificultades económicas e sociais, de crise de valores e do sentido da existencia; porque, máis alá do contexto que padecemos, este vivir noso, queirámolo ou non, pode ser para cada un, se se o propón, unha fermosa aventura.

O fondo da letra é cristián, aínda que non sexa propiamente unha canción relixiosa, quizais porque o valor máis importante para os seguidores de Xesús é a vida mesma, o milagre de estar vivo, condición primeira, e necesaria, para que sexa posible a realización dos demais valores: o amor, a solidariedade, a paz, o perdón, etc.

Si, a vida é boa e é bela, a pesar das dificultades e as noites escuras do camiño. Vivir é un don, fronte ao cal habemos de sentirnos ante todo agradecidos, e, paralelamente, comprometidos a esgotala na súa plenitude, a gozala, a defendela cando estea ameazada, a promovela, celebrala e compartila con outros, para que creza e se poña cada mañá máis e máis bonita.






A vida é bela é algo máis que unha frase bonita ou o título dunha canción, é unha actitude afirmativa fronte ao misterio da existencia.

Que sentimentos e ideas che suxiren a canción?

Aspectos interesantes a resaltar:

1. O talante desafiante, pro-activo, con que se nos invita a enfrontar o reto de vivir, e de buscar solucións orixinais á encrucillada da existencia.

2. O optimismo e a fe como motores da acción.

3. O espírito de loita e de compromiso por alcanzar os nosos soños, traballando, desenvolvendo talentos e capacidades, sendo responsables e intelixentes para sacar partido ás circunstancias da vida, e lograr converter os problemas en oportunidades.

4. Valorar a vida como algo bo e belo. Somos un milagre andante, somos unha esperanza que agarda impaciente a súa realización, somos unha forza misteriosa que xermola dende o fondo mesmo da creación, atravesa toda a historia dos seres vivos, e chega ata nós empurrando o camiño.

5. A actitude de diálogo co mundo, de apertura fronte ao horizonte do vivir,...Abrir os ollos, respirar, osixenarse, e percibir máis alá dos nosos narices, esa historia que bole e que reclama a túa presenza e a miña.

A Clase de Relixión é tamén unha exaltación de amor á vida, de desafío e compromiso por vivila en consonancia coa nosa dignidade de fillos e fillas de Deus, sempre fieis ás palabras de Xesús que veu, precisamente, a darnos vida e vida en abundancia. Vive a túa vida en e con profundidade

No hay comentarios:

Publicar un comentario