lunes, 14 de octubre de 2013

DOMUND 2013. INTERIORIZACIÓN





Introdución á lectura bíblica

Os seguidores de Xesús séntense amados por El, cren na súa Palabra e séntense chamados a ser outro Xesús na familia, no colexio, entre os amigos,... Como? Amando.


Lectura 1 Cor 13,1-13

Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.
Por moito que eu falase inspirado e comprendese tódolos misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.
Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.
O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.
O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración: e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado. Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno. Igualmente: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min. 
En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.

Estamos chamados a ser cada día BOA NOTICIA para os outros. Oxalá que cada xornada saiamos á rúa con xestos que reflictan a Xesús resucitado, sabendo que estes xestos son de amor, e que o Amor todo o pode, todo o aguanta e todo o sana. 

Reflexiona e comparte cos demais:  
-      Como vas ser boa noticia?                      
-   Pensa algún compromiso concreto e fai o firme propósito de cumprilo.